Wednesday 01 de May de 2024

O plan de limpeza intensiva ‘Barrio a barrio’ continua na Agra do Orzán e chegará esta semana ao Ventorrillo


O plan comezou nos Rosales no mes de febreiro e continuou por Labañou e Peruleiro, intensificando as tarefas de limpeza e uso das hidrolimpadoras, baldeo a presión e varrido

O Concello continua co plan de limpeza intensiva ‘Barrio a barrio’, unha medida iniciada no mes de febreiro polo Goberno de Inés Rey como complemento ao servizo habitual de limpeza viaria. O plan busca intensificar a prestación das tarefas de limpeza nas rúas e espazos públicos da cidade co obxectivo de mellorar a calidade dos barrios, cun formato rotativo de carácter mensual. Deste xeito, o Concello incide na limpeza a fondo das rúas e espazos públicos do barrio.

Logo da súa posta en marcha nos Rosales, o programa ‘Barrio a Barrio’ pasou por Labañou e Peruleiro chegando á Agra do Orzán, onde se estivo a traballar nos últimos días. Tamén se realizou unha primeira intervención no casco urbano de San Pedro de Visma.

Esta semana, o plan de limpeza profunda chegará ao barrio do Ventorrillo, intensificando as tarefas de limpeza e uso das hidrolimpadoras, baldeo de alta presión e ampliando o servizo de varrido mecánico. Os traballos iniciaranse na zona este do barrio, ente as rúas Monasterio de Caaveiro e Rolda de Outeiro, con decapado de beirarrúas en amba-las dúas rúas e actuando na Agra da Bragua, Rodrigo Alfredo de Santiago, Panamá, Teixeira de Pascoaes, Alfredo Tella e Monasterio de Toxos Soutos. Nas seguintes semanas actuarase no resto de rúas e zonas do barrio, concluíndo na parte oeste co decapado na zona do Ágora e alcalde Jaime Hervada e actuacións en alcalde Peñamaría de Llano e Avenida Finisterre.

Xa a continuación, o ‘Barrio a barrio’ avanzará, de forma paulatina, cara os barrios da Sagrada Familia, enclaves nos que tamén se executarán medidas de limpeza intensiva dos espazos públicos con plans de traballo mensuais.